Inicio

Servizos

O Estudo

Proxectos

Contacto

Vivenda de Noia

Proxecto: ELA interiorismo
Dirección de obra: ELA interiorismo / Carpintería Rueiro
Localización: Noia
Data: 2018
Fotografía: Suso Rivas

¿Cal era o reto deste proxecto?

Nesta ocasión o reto era deseñar unha vivenda unifamiliar na costa galega. A complexidade da proposta foi conseguir personalizar de maneira exclusiva cada unha das estancias diferenciándoas entre si pero mantendo un mesmo fío condutor en todas elas.

¿Como o solucionamos?

A característica máis destacada da vivenda é a gran amplitude das estancias.

Desde o primeiro momento, co encargo, veu o agasallo por parte dos clientes dunha liberdade absoluta e plena para poder deixar voar a imaxinación á hora de proxectar.

O resultado é unha vivenda chea de pequenos e grandes detalles que falan da personalidade de cada un dos conviventes deste fogar.

Para iso pensouse e deseñouse todo o mobiliario da vivenda coa execución do noso colaborador Carpintería Rueiro.

A destacar, o deseño e execución dos cabeceros das habitacións principais. Esta posta en escena de elementos en baixo relevo realizados en madeira e posteriormente lacados, falan do gusto pola xeometría orgánica contida no espazo.

A estas propostas acompáñanlles o deseño do resto do mobiliario e tamén a elección das luminarias.

Na habitación principal destácase a colocación da luminaria Siam, lámpada de 2m de diámetro da firma Bover e distribuída polo noso colaborador Pérez Antolín Iluminación.

No baño principal, os azulexos porcelánicos da firma Porcelanosa, combinadas coa peza maciza suspendida de madeira a modo de encimera, achega carácter e un movemento equilibrado a esta estancia.

Mencionar tamén que a proposta de iluminación nas zonas comúns da vivenda (comedor e corredores) está marcada pola presenza das pezas Ballet e Li do deseñador galego Arturo Álvarez.

En conclusión, o obxectivo que se quixo conseguir nesta obra foi plasmar a esencia desta familia que puxo tanto mimo, ilusión e sensibilidade en realizar este proxecto tan persoal e tan a medida.